Monday 29 de April de 2024

Preto de 200 persoas asistiron ao VII Concerto de Panxoliñas de Oroso, que reuniu a seis agrupacións musicais do municipio


Preto de duascentas persoas, entre intérpretes e público, deixaron pequeno o centro cultural de Sigüeiro durante a sétima edición do Concerto de Panxoliñas de Oroso, que reuniu a seis agrupacións musicais do municipio: coro infantil da Escola de Música, asociación cultural Néboas no Cumio, Coro Voces Amigas, agrupación folclórica Buxos Verdes, asociación cultural Santa Catalina e asociación cultural Amigos do Acordeón de Sigüeiro-Oroso. Unha sesión que estivo presidida polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, quen estivo acompañado polos concelleiros de Cultura, Luís Rey, e Seguridade Cidadá, Antonio Leira.

Durante algo máis dunha hora, estas seis agrupacións interpretaron dous temas cada un, dende panxoliñas moi coñecidas por todos como “O tamborileiro” ou “Dime neno de quen es” ata panxoliñas tradicionais como “Buscando unha estrela” ou “Cun sombreiro de palla”, que foron moi aplaudidos polos presentes. Os encargados de romper o xeo volveron ser os meniños e meniñas da Escola Municipal de Música de Oroso que, dirixidos por Juan Ramón Salgueiro e Sonia García, interpretaron “Imos dar uns agasallos” e “Oh happy da”. Dúas das actuacións máis aplaudidas da noite.

Tomou o relevo a asociación cultural Néboas no Cumio que, dirixidos por Antonio Nogueira, interpretaron “O Pendello” e “Cun sombreiro de palla”; seguidos por “Chegou a noite de Nadal” e “Neno de Belén”, do Coro Voces Amigas. A continuación tivo lugar unha das actuacións máis aplaudidas da noite, a da agrupación folclórica Buxos Verdes dirixidos por Alejandro Sangiao, que rescatou dúas panxoliñas tradicionais e cun ritmo moi pegadizo (“O pelo roxiño” e “Buscando unha estrela”) que foron acompañadas polas palmas do público presente.

Os encargados de poñer o broche de ouro ao VI Concerto de Panxoliñas de Oroso foron as voces da asociación cultural Santa Catalina, que interpretaron “Chegaron a pé” e “O fillo do carpinteiro”; e a asociación cultural Amigos do Acordeón de Sigüeiro-Oroso, que tocaron “O tamborileiro” e “Dime neno de quen es”.